A Deputación enmarca a colaboración coa MOEXMU no seu compromiso co sector primario
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este luns en Cospeito na presentación da 41ª edición Mostra Exposición de Muimenta que se celebrará esta fin de semana no recinto feiral Manuel Vila López. Destacou que a Deputación de Lugo colabora un ano máis con esta cita multisectorial a través dunha achega de 8.000€ que enmarcou no compromiso do Goberno provincial co sector primario da provincia. Xunto ao responsable provincial participaron na presentación entre outras autoridades, o xerente da MOEXMU, José Manuel Rus e o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa.
“Este evento reflicte o compromiso, a tradición e a innovación que caracterizan ao noso rural”, destacou Carlos López, quen puxo á MOEXMU como exemplo de que “a unión, a profesionalidade e a dedicación son clave para impulsar e fortalecer o sector gandeiro e agrícola”. Nese sentido, asegurou a importancia do sector primario para o equilibrio territorial e o desenvolvemento económico da provincia e remarcou a responsabilidade das administracións á hora de apoiar aos profesionais.
López sinalou que a MOEXMU “é unha plataforma de encontro, unha oportunidade para a posta en común de experiencias, avances tecnolóxicos e innovacións que contribuirán a un futuro sólido para o noso rural” e felicitou aos organizadores “polo seu traballo incansable e a súa capacidade para poñer en valor un sector esencial para o noso territorio”.
Explicaron que o venres terá lugar o típico concurso de novos preparadores de gando; o sábado será a quenda do concurso de gando frisón, a exposición de Rubia Galega e a poxa de gando selecto; e o domingo, ademais do concurso de novos manexadores celebrarase unha nova edición do concurso de can de palleiro. Ademais, a feira contará con expositores de maquinaria, fertilizantes, pensos, artesanía e automóbiles.