CONVOCATORIA, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS DESTINADAS A ENTIDADES ASOCIATIVAS SEN ÁNIMO DE LUCRO DAS RESERVAS DA BIOSFERA TERRAS DO MIÑO E OS ANCARES LUCENSES PARA O DESENVOLVEMENTO DE ACTUACIÓNS DE POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO NATURAL, CULTURAL E PAISAXÍSTICO DESTES TERRITORIOS NA ANUALIDADE 2025

 

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo en sesión celebrada o 25 de abril de 2025, acordou a aprobación das bases da convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses para o desenvolvemento de actuacións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios na anualidade 2025.

Beneficiarios

Estas entidades ou asociacións sen ánimo de lucro deben estar legalmente constituídas, inscritas no rexistro publico correspondente na data de publicación desta convocatoria, con sede/delegación social ou cuxo ámbito territorial de actuación estea incluído nas Reservas da Biosfera Terras do Miño ou Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (en adiante, Os Ancares Lucenses), e cuxo obxecto social estea relacionado con algunha das liñas dos Plans de Xestión das referidas Reservas.

Obxecto

Constitúe o obxecto desta convocatoria a ordenación do procedemento aplicable para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva destinadas a entidades asociativas legalmente constituídas sen ánimo de lucro con sede/delegación social ou cuxo ámbito territorial de actuación estea incluído nas Reservas da Biosfera Terras do Miño ou Os Ancares Lucenses, e cuxo obxecto social estea relacionado con algunha das liñas de acción dos plans das ditas Reservas.

Estas subvencións están destinadas ao desenvolvemento de actuacións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios na anualidade de 2025, e cuxos fins contribúan ao cumprimento dalgunha das Liñas dos seus Plans de Xestión.

A convocatoria inclúe dúas liñas diferenciadas:

  • A LIÑA 10.2 destinada á execución de actividades en municipios da Reserva da Biosfera Terras do Miño por parte de entidades asociativas sen ánimo de lucro con sede/delegación social ou cuxo ámbito territorial de actuación estea incluído neste territorio, do que forman parte os seguintes 26 municipios: Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade.
  • A LIÑA 10.3 destinada á execución de actividades en municipios da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses por parte de entidades asociativas sen ánimo de lucro con sede/delegación social ou cuxo ámbito territorial de actuación estea incluído neste territorio, do que forman parte os seguintes 3 municipios: Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.

Gastos subvencionables

Terán a consideración de gastos subvencionables, aqueles considerados como gastos correntes (non se considerarán subvencionables os gastos de inversión) que contribúan ao cumprimento dalgunha das Accións dos Plans de Xestión das Reservas da Biosfera Terras do Miño ou Os Ancares Lucenses, sempre que se enmarquen nunha das actividades recollidas na base 1 da convocatoria.

Contía

A cantidade destinada para a concesión de subvencións destinadas a entidades asociativas das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses para o desenvolvemento de actividades de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios na anualidade 2025 será de cento noventa mil euros (190.000,00 €):

  • A LIÑA 10.2 C (Reserva da Biosfera Terras do Miño) está dotada con 120.000 €.
  • A LIÑA 10.3 C (Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses) está dotada con 70.000 €.

A subvención que a Deputación Provincial pode conceder estará comprendida no intervalo establecido na seguinte táboa:

IMPORTE MÍNIMO

IMPORTE MÁXIMO

1.000,00 €

7.000,00 €

Cando menos, o 5% do custo total da actuación subvencionada deberá ser financiado con recursos propios da entidade beneficiaria.

Concesión definitiva (enlace ao BOP nº 210 do 12.09.2025)

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo en sesión celebrada o 1 de agosto de 2025, acordou aprobar a resolución provisional da referida convocatoria de subvencións e notificar o acordo provisional aos interesados de acordo co previsto na base 10 da convocatoria, concedéndolles un prazo de dez días hábiles, a contar dende o día seguinte ao da publicación do citado acordo de resolución provisional no BOP, para presentar alegacións.

O anuncio da resolución provisional publicouse o día 7 de agosto de 2025 no BOP de Lugo nº 180 e na web da Deputación Provincial (http://deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/subv_activ_RRBB2025), non presentándose ningunha alegación no prazo concedido.

Polo tanto, de acordo co punto 10 CONCESIÓN E COMUNICACIÓN das bases da convocatoria, o acordo de concesión provisional ten carácter definitivo e procedeuse á publicación do anuncio da resolución definitiva no BOP de Lugo nº 210 do día 12 de setembro de 2025 e na web da Deputación Provincial (http://deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/subv_activ_RRBB2025).

PRESENTACIÓN DA XUSTIFICACIÓN

Unha vez finalizada a acción ou comportamento e no prazo establecido, as entidades  beneficiarias das axudas deberán xustificar o cumprimento da finalidade da acción ou comportamento subvencionado.

A rendición da conta xustificativa constitúe un acto obrigatorio do beneficiario/a, e a súa presentación realizarase no prazo de tres meses a contar a partir da execución da actividade e, en calquera caso, rematará o 31 de marzo de 2026.

De acordo co previsto nas bases da convocatoria, a xustificación efectuarase na forma de conta xustificativa simplificada, nos modelos oficiais xunto coa documentación que sexa preciso achegar, que deberá ser remitida electronicamente a través da sede da Deputación ou a través dos rexistros establecidos no artigo 16.4 da LPAC.

A xustificación da subvención realizarase mediante a remisión, por parte da entidade beneficiaria, da seguinte documentación debidamente asinada pola persoa responsable (os anexos están dispoñibles na páxina web da Deputación de Lugo e deben asinarse electronicamente).

Calquera documentación presentada con posterioridade á aquela formulada coa solicitude inicial deberá presentarse no referido expediente de solicitude.

https://sede.deputacionlugo.org/opencms/opencms/sede

Para acceder a expediente deberá seguir os seguintes pasos:

  • Acceder e identificarse na sede electrónica da Deputación
  • Entrar en "O meu cartafol"
  • Os meus expedientes
  • Incorporar documentación

Para máis información:

Teléfono: 982 227 813/812

E-mails: terrasdomino@deputacionlugo.org

             ancareslucenses@deputacionlugo.org

Bases da convocatoria e outra documentación de interese:

Bases da convocatoria

Publicación anuncio convocatoria BOP 02.05.2025

Resolución provisional convocatoria BOP 07.08.2025

Resolución definitiva convocatoria BOP 12.09.2025

Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño (2024-2034)

Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (2024-2034)

Modelo de renuncia á subvención concedida definitivamente. Formato .odt

Modelos para a xustificación:

Anexo IV: Memoria conta xustificativa. Formato pdf editable (prema, descargue e garde). Formato .odt

Anexo V: Relación clasificada de gastos. Formato pdf editable (prema, descargue e garde). Formato .odt

Anexo VI: Declaración conxunta. Formato pdf editable (prema, descargue e garde). Formato .odt

​​​Logotipos a incluir na execución das actividades:

Imaxe corporativa da Deputación de Lugo

Imaxe Programa MaB UNESCO

Imaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño

Imaxe da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses