O Presidente e o Alcalde de Lugo supervisan no Rato as obras de recuperación do paseo nas que a Deputación investiu máis de 175.000€
José Tomé Roca e Miguel Fernández comprobaron o resultado dos traballos de reparación dos danos da borrasca Olivier que consistiron no arranxo das marxes do río, a construción de diques, recheo e reposición de pontes e pasarelas de madeira
“Actuamos coa máxima dilixencia e responsabilidade porque sabemos que este é un espazo público de grande valor ambiental, educativo e social para a cidadanía de Lugo e creo que o resultado é moi satisfactorio”, valorou o mandatario provincial
Pola súa banda, o Rexedor puxo en valor que a Deputación realizou esta intervención “en tempo récord”, “demostrando o valor da colaboración institucional cando se actúa con responsabilidade e con sentido de cidade”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, supervisaron este martes no Rato o resultado das obras de restauración do paseo e da súa contorna tras os danos provocados en abril pola borrasca Olivier. A institución provincial investiu 175.286,07 euros do seu fondo de continxencia na reparación deste espazo natural que se viu gravemente afectado.
“Actuamos coa máxima dilixencia e responsabilidade porque sabemos que este é un espazo público de grande valor ambiental, educativo e social para a cidadanía de Lugo e creo que o resultado é moi satisfactorio” valorou o mandatario provincial. Lembrou que TRAGSA, empresa pública e medio propio da Deputación, foi a encargada dos traballos, escollida pola súa experiencia neste tipo de intervencións e pola urxencia da actuación. Nese sentido, explicou que a institución provincial actuou con celeridade, encargando un informe técnico ao servizo de Medio Ambiente para avaliar os danos, definir as actuacións prioritarias e solicitar os permisos necesarios á Confederación Hidrográfica.
Xuntos, Tomé Roca e Fernández Méndez, acompañados polo Deputado da área de Medio Ambiente, Carlos López López, comprobaron os traballos, que consistiron no arranxo das marxes do río, a construción de diques, recheo e adecuación dos paseos e a reposición de pontes e pasarelas de madeira.
Concretamente, a Deputación de Lugo empregou 1.429 m3 de xabre e 205m3 de cachote para restaurar a estabilidade estrutural dos camiños. Repuxo cinco pasarelas de madeira, varandas e valados danados pola corrente, un tramo de senda pivotada na conexión coa Tolda de Castela e un banco de madeira. A riada levou consigo 44 metros de estruturas da valla de diferentes características, que foron repostas para garantir a seguridade das persoas usuarias do paseo. Empregáronse técnicas de bioenxeñería sobre 87,5 m2 do paseo e 66 metros de escollera.
Miguel Fernández agradeceu ao Presidente “a implicación e dilixencia coa que o ente provincial actuou” no Rato e puxo en valor que a Deputación realizou esta intervención “en tempo récord”, “demostrando o valor da colaboración institucional cando se actúa con responsabilidade e con sentido de cidade”. Sinalou ademais que o Rato, como o Miño, forman parte dunha ampla rede de espazos verdes urbanos e periurbanos “que converten Lugo nunha cidade privilexiada” e que “defender, mellorar e ampliar estes corredores naturais é unha das liñas estratéxicas do noso modelo de cidade”.