Deputación de Lugo

Carmela López Moreno, nova Presidenta da Deputación de Lugo

Carmela Lopez

A Deputada provincial e Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, foi elixida Presidenta da Deputación de Lugo nun Pleno celebrado na mañá deste mércores no Pazo de San Marcos, tras ser a candidata con máis votos na votación en urna. A sesión plenaria tivo lugar na sede da institución provincial, culminando coa proclamación oficial da nova Presidenta, que asume o cargo “coa responsabilidade de representar a toda a provincia e de traballar polo interese xeral das veciñas e veciños dos 67 concellos de Lugo”.

INTERVENCIÓN DA PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN DE LUGO:

Comparezo hoxe aquí con serenidade e convicción. Serenidade porque creo nunha política con cabeza, diálogo e estabilidade. E convicción porque sei moi ben para que estou aquí.

Asumo esta Presidencia desde a igualdade. Son muller, e chego aquí grazas ao camiño aberto por moitas mulleres e tamén por moitos homes que nos acompañaron para que hoxe haxa cada vez máis mulleres na política.

A miña experiencia como alcaldesa, o cargo máis fermoso que se pode acadar na política, que se gaña co respaldo das veciñas e veciños, ensinoume a gobernar con capacidade de diálogo, con accesibilidade e con empatía, pero tamén con firmeza e criterio propio.

O diálogo non é debilidade. A accesibilidade non resta autoridade. A empatía é entender as necesidades reais da xente para poder dar respostas xustas. Quen forma parte do equipo de goberno atopará en min dirección clara e disposición absoluta para arrimar o ombro, e sacar adiante o traballo compartido.
E quen está na oposición atoparame sempre aberta a escoitar, a dialogar e a construír acordos que sexan bos para a provincia de Lugo. Creo na política útil, na que resolve problemas e mellora a vida da xente. E iso require gobernabilidade, require compromiso compartido e require equipos capaces de traballar xuntos, mesmo desde a diferenza.

Quero facer un recoñecemento explícito ao goberno en coalición que sostén esta Deputación. Creo firmemente no traballo en equipo e na colaboración entre forzas políticas que, aínda tendo diferenzas, comparten unha mesma responsabilidade coa cidadanía.

A estabilidade que defendemos para esta Deputación constrúese desde o diálogo, o respecto mutuo e a vontade de acordo, e esa é a estabilidade que existe nesta casa. Somos unha maioría progresista que entende que gobernar é sumar, e que ten como propósito común reforzar e mellorar a provincia de Lugo, poñendo sempre por diante o interese colectivo. Quero expresar o meu agradecemento polo apoio recibido para asumir esta función. Agradecemento aos grupos e tamén a cada deputada e deputado que depositou en min a súa confianza para dirixir esta casa.

Esa confianza obrígame e comprométeme a traballar co interese das veciñas e veciños da provincia sempre por diante.

Permitídeme tamén expresar un agradecemento sincero ao meu partido, ao Partido Socialista, que ao longo do tempo confiou en min para ser concelleira, alcaldesa de Burela e deputada provincial, e que agora me propuxo para dirixir esta institución. É unha confianza á que vou corresponder con todo o meu traballo, coa máxima lealdade e cun compromiso absoluto co servizo público.

Quero ter tamén unha palabra para a miña familia, polo seu apoio constante e pola súa comprensión ante unha dedicación que non sempre é doada. Ese respaldo é fundamental para poder estar aquí hoxe.

Veño da Mariña, veño de Burela. Dígoo con orgullo. E sei ben cal é o meu compromiso: toda a provincia de Lugo.  Desde o norte ao sur, desde a montaña á chaira, desde a costa ao interior.

Esta Deputación vén traballando desde o coñecemento do territorio e desde a atención ás distintas realidades da provincia, cunha vocación clara de equilibrio e xustiza territorial.

Nestes últimos anos aprendín dúas cousas fundamentais. Como alcaldesa, aprendín a importancia da proximidade, de dar a cara cada día diante das veciñas e veciños, de responder con feitos ás necesidades reais. A experiencia como deputada confirmouno con claridade: a Deputación é o concello dos concellos.

A institución que está ao lado dos 67 concellos da provincia, sexan grandes ou pequenos, urbanos ou rurais, para que poidan dar mellores solucións ás necesidades do seu día a día. Porque, se somos sinceros, que serían moitos concellos sen a Deputación? É a institución que nos sostén e que permite que poidamos prestar mellores servizos á xente.

Nesta Deputación non se fala en abstracto. Aquí falamos de persoas, de concellos, de servizos, de oportunidades para vivir e para quedar. Falamos da vida diaria das veciñas e veciños da provincia de Lugo, e iso obríganos a traballar con seriedade, con compromiso e con visión de conxunto.

Quero poñer en valor o traballo desta corporación provincial nos últimos anos, baixo a presidencia anterior, un tempo no que se desenvolveu un traballo serio e útil para a provincia de Lugo. Aquí hai debate, hai diversidade e hai distintas visións, pero debe haber sempre algo por riba de todo: o interese xeral da provincia. O respecto ao traballo político non se reclama, gáñase. Gáñase con rigor, con seriedade e cun comportamento á altura da institución que representamos.

Sen ruídos innecesarios, sen xogos estériles e sen converter a política nun espazo de confrontación permanente. A sociedade non demanda crispación. Demanda acordos, avances e solucións. E como representantes públicos, temos a responsabilidade de estar á altura do que a cidadanía espera de nós.

Asumo a honra de ser presidenta da Deputación de Lugo con emoción e ilusión, cun claro sentido do servizo público, e comprométome a exercer unha presidencia baseada no diálogo e tamén na decisión, accesible, esixente e honesta, coa vontade de impulsar proxectos para o avance desta provincia. 

Desde cada concello, desde cada recuncho, hoxe mesmo quedo á vosa disposición. Traballar pola provincia de Lugo. Traballar polas súas veciñas e veciños.