Deputación de Lugo

A Deputación colabora coas xornadas de Africor, unha referencia no sector lácteo

africor
O Deputado de Participación Cidadá destacou o compromiso da institución provincial, que achega 3.000€ a este encontro “convencidos” do valor da formación continua, o intercambio de experiencias e a actualización técnica

O Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, participou este mércores na xornada de Africor Lugo-Vaca Pinta, unha das citas anuais clave para o sector lácteo que se desenvolve durante todo o día de hoxe na Facultade de Veterinaria. Unha cita á que a Deputación de Lugo achega 3.000€ no marco do seu compromiso co sector primario.

Castro Díaz destacou que “o sector primario lucense é un exemplo de equilibrio entre tradición e innovación. Mantén vivas as raíces e o saber facer transmitido, pero ó mesmo tempo aposta decididamente pola modernización e a profesionalización”. Sinalou que as administracións públicas “temos a responsabilidade de crear as condicións necesarias para que este sector poida desenvolver todo o seu potencial” e nese sentido destacou o compromiso da Deputación, que se traduce en espazos como a Granxa Gayoso Castro, “que simboliza a nosa aposta pola innovación e a transferencia de coñecemento”.

Manuel Sandamil, presidente de Africor Lugo, agradeceu a presencia do Deputado provincial, que participou na entrega de premios aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) sobre vacún.