Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación participa en Badaxoz na xornada da FEMP sobre termalismo e lonxevidade

Marisol Morandeira
termalismo
FEMP
A Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz asistiu este martes ao Consello de Goberno da Rede de Vilas Termais e á Xornada Termalismo e Lonxevidade Saudable, que reuniu no Balneario de Alange a expertos e representantes institucionais de toda España

A Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira Morandeira, participou este martes no Balneario de Alange, en Badaxoz, no Consello de Goberno da Rede de Vilas Termais e na Xornada Termalismo e Lonxevidade Saudable: innovación para un sistema sanitario sostible”, un encontro organizado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no Balneario de Alange que se celebra desde o 1 ao 3 de xuño. 

A  xornada comezou coa reunión do Consello de Goberno da Rede de Vilas Termais, no que se abordaron as principais liñas de traballo e o impulso conxunto ao desenvolvemento deste sector nos territorios integrados na rede. Posteriormente, a Deputada participou na xornada técnica xunto a representantes institucionais e persoas expertas, onde se analizou o papel do termalismo abordouse o papel do termalismo no envellecemento activo, a prevención da dependencia, o tratamento de enfermidades crónicas e a súa contribución á saúde, ao benestar e ao desenvolvemento económico dos territorios.

Marisol Morandeira destacou o compromiso da Deputación de Lugo “co envellecemento activo e co desenvolvemento do sector termal como recurso de benestar e cohesión territorial”, e puxo como exemplo o programa Lugo Termal, “que facilita o acceso da veciñanza aos balnearios da provincia mediante axudas económicas e que este ano incrementou nun 20% o investimento e as prazas ata as 2.100”. Tamén fixo referencia ao modelo público de residencias da Deputación, “baseado en centros de pequeno tamaño e atención personalizada, que contribúe ao coidado das persoas maiores, á creación de emprego e á fixación de poboación”, sinalou Morandeira.

O programa da xornada completouse cunha visita técnica á vila termal de Alange, onde os asistentes coñeceron distintas experiencias de aproveitamento dos recursos termais como motor de desenvolvemento local. Os actos continuarán este mércores cunha nova visita técnica e a despedida institucional no Concello de Alange.