Menu toggle
Medioambiente

A Deputación favorece o aproveitamento económico sostible dos soutos na Reserva dos Ancares Lucenses

  • O organismo provincial elaborou un mapa das masas de castiñeiros deste territorio, que ocupan preto de 5.000has, e aclarou a verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia, e Vilaver, en Cervantes, o que proporcionou a seguridade xurídica que fai posible a súa recuperación e explotación 
  • A posta en valor dos castañais e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, así como a biodiversidade e a conservación de hábitats protexidos
  • Esta iniciativa responde ao compromiso e o traballo da Deputación por xerar riqueza e emprego no medio rural para fixar así poboación, aproveitando para elo os recursos naturais propios

A Deputación de Lugo impulsa un proxecto para a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes no territorio conformado pola Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Esta iniciativa responde ao compromiso e o traballo” que desenvolve o organismo provincial “para xerar riqueza e emprego sostible no medio rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para elo os recursos naturais propios, unha política que a Deputación reforza no actual contexto de crise sanitaria provocada pola Covid-19 dentro da súa aposta polo sector primario como motor económico. De feito, a recuperación e posta en valor dos castañais e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, así como a biodiversidade e a conservación de hábitats protexidos.

O proxecto foi aprobado no seo dos órganos Reitor e de participación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses , que preside a Deputación e no que están representados os tres concellos que conforman este espazo natural –Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá- e o tecido asociativo da zona a través dunha decena de colectivos. 

O traballo foi desenvolvido de feito en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, membro do órgano de participación da Reserva, e consistiu en tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas, que, segundo os labores desenvolvidos, representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa das masas de castiñeiros, que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo declarado con esta distinción pola UNESCO en 2006 natural protexido, dos cales máis de 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal –de titularidade municipal-; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia, e Vilaver, en Cervantes, o que proporcionou a seguridade xurídica que fai posible agora a súa explotación e conservación.

Solución á incerteza sobre a titularidade dos soutos


Os soutos son un tipo de bosque que precisa dunha xestión activa para manterse en bo estado. Son necesarios coidados, como a poda, os enxertos, a limpeza e os tratamentos fitosanitarios que garantan a súa conservación e a produción de froitos e madeira.

A explotación económica dos soutos está na actualidade limitada por diversas causas sociais, como o abandono progresivo do rural; e medioambientais, como as pragas; pero, en moitos casos, tamén por motivos administrativos, como a incerteza xurídica sobre a titularidade dos castiñeiros. Neste punto, é no que o proxecto da Deputación puxo o foco, pois estes problemas sobre a propiedade dos terreos coartan o enorme potencial produtivo e económico dos mesmos. Hai que ter en conta que, segundo datos da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, cada hectárea de castiñeiros nesta zona pode chega a producir uns 3.000 quilogramos de castañas de rendemento medio anual.

A clasificación errónea no rexistro catastral rústico dun souto como superficie comunal dificulta que os verdadeiros propietarios poidan xestionalos ou mesmo optar a axudas públicas para afrontar os traballos de conservación. Esta xestión forestal é ademais necesaria para cumprir coas obrigas europeas de protección destes hábitats de bosque Castanea sativa, catalogados na normativa europea como de interese comunitario.

Co obxectivo de axudar a solucionar este problema sobre a propiedade dos soutos, a Deputación de Lugo puxo en marcha este proxecto de recuperación, conservación e aproveitamento sostible dos castañais, que se centrou nos soutos situados en montes comunais, xa que con frecuencia estes corresponden con erros na catalogación dos terreos no rexistro catastral, aínda que tradicionalmente son mantidos e explotados pola veciñanza.

Cartografía, xuntanzas veciñais e traballo de campo


Os soutos de Vilor e Vilaver foron escollidos para esclarecer a súa verdadeira propiedade pola disposición dos veciños e veciñas a resolver o conflito e colectivizar a xestión, de xeito que permita dinamizar os procesos de restauración dos castiñeiros e a posterior comercialización conxunta da produción dos mesmos.

Para identificar a titularidade dos castañais realizouse un rigoroso traballo de elaboración cartográfica xeoreferenciando fotos aéreas retintadas do ano 1956 que foron recollidas polo Catastro e que están dispoñibles para a súa descarga no Arquivo Dixital de Galicia.

Posteriormente, esta cartografía foi posta en común e contrastada a titularidade  de  cada finca nas numerosas reunións realizadas cos veciños e veciñas das respectivas zonas, uns encontros que, ademais de para este obxectivo, serviron para reforzar os lazos de comunidade da aldea e reafirmar a súa identidade.

Unha vez que foi contrastada a cartografía nestas xuntanzas veciñais, realizouse un traballo de campo para o recoñecemento de fincas dubidosas, que levou consigo un levantamento topográfico cos propietarios.

Froito do traballo de elaboración cartográfica, as reunións cos veciños e os levantamentos topográficos, determinouse a relación de propietarios de fincas incluídas nos terreos clasificados como comunais. Así, das 45,56 hectáreas de superficie que suma o total da propiedade analizada no Souto de Vilaver, preto do 50% correspóndese con superficie efectiva de castiñeiro (22,64has.), e o número de propietarios é de 14. No caso de Souto de Vilor, a superficie efectiva de castiñeiro ascende a 16,44 hectáreas, o que supón o 68% da superficie analizada (21,19has.) Tralo análise da propiedade, concluíuse que a propiedade deste territorio se distribúe entre 8 veciños.

A partir da identificación dos titulares dos soutos que se levou a cabo grazas a este proxecto da Deputación de Lugo sentáronse as bases para poder realizar a xestión dos terreos, o que redundará na posibilidade de acometer traballos de recuperación e mellora da produción de castaña, que xa se está a comercializar na zona de forma conxunta e baixo certificación ecolóxica a través da cooperativa A Carqueixa.

Liñas de futuro

Con este impulso da Deputación de Lugo para a recuperación dos soutos ábrense novas posibilidades de futuro para o aproveitamento económico destes recursos naturais pola veciñanza no territorio da Reserva da Biosfera dos Ancares. Así, é posible a creación de agrupacións de propietarios de soutos para a xestión conxunta dos mesmos e o acceso a axudas públicas para a conservación e explotación. Ademais, coa base xurídica definida, pódense iniciar procesos de modernización que incrementen a produtividade dos soutos a través de ferramentas tecnolóxicas para o seguimento dos tratamentos fitosanitarios aplicados a cada árbore ou para predicir ou cuantificar a cantidade de castaña que producen por variedade e calibre.

 

soutos1

souto2

Axenda Medioambiente, Medio Rural e do Mar