Sobria e Serena, Estíbaliz Veiga, Marina Marroquí e Amelia Tiganus concienciarán sobre a eliminación da violencia machista con propostas diversas arredor do 25N
O monólogo Risas con perspectiva, do dúo galego Sobria e Serena, abrirá a programación deseñada pola área de Muller e Igualdade o día 21, ás 19.00 horas no salón de actos da Deputación. Na xornada seguinte, ás 12.00 horas, representarase a peza teatral Golpes, tras a que haberá unha sesión sobre a pedagoxía do consentimento.
A reivindicación sairá á praza de San Marcos na xornada do 25N, coa lectura dun manifesto institucional e unha acción simbólica do alumnado da Escola de Formación Audiovisual da Deputación.
Marina Marroquí, vítima de violencia de xénero na adolescencia, levará o seu monólogo Esto no es amor ante máis de 400 estudantes da Terra Chá e da Mariña no auditorio de Vilalba o 4 de decembro.
Amelia Tiganus, supervivente de trata de mulleres, pechará o ciclo na Deputación o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos.
Sáb, 14/11/2026 - 13:54