A área de Medio Rural da Deputación de Lugo establece para o ano 2020 na súa primeira convocatoria o programa de axudas ao mantemento de faixas de biomasa “O Que Non Arde”.
Este programa nace como apoio aos concellos da provincia que velan polo cumprimento da normativa de prevención e defensa dos incendios forestais mediante plans de xestión e mantemento das faixas secundarias de biomasa e faixas laterais das redes viarias municipais.
Esta liña de axudas implementarase a través de convenios interadministrativos de colaboración e terá dous eixos de actuación:
- Eixo 1, dirixido ao fomento da prevención dos incendios forestais, facendo fincapé na roza de masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, nas faixas de laterais da rede viaria municipal.
- Eixo 2, destinado ao mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa fomentando a adquisición de plántulas de especies arbóreas autóctonas.
“O Que Non Arde” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo neste ámbito. Trátase dunha iniciativa pioneira e prioritaria dentro das liñas de traballo que se desenvolverán ao longo da lexislatura desde a nosa área de Medio Rural.
Os concellos que cumpran os requisitos poderán solicitar a colaboración ata finais de agosto, e para elo, farán unha solicitude formal, onde incluirán as accións a executar de forma cuantificada e diferenciada por eixo de actuación. As solicitudes serán valoradas por unha comisión técnica formada por persoal do servizo de Medio Rural, que terán en conta a calidade técnica do proxecto presentado, e criterios obxectivos como poboación afectada, número de núcleos nos que se intervén e superficie atinxida.
Nesta primeira edición o orzamento pode acadar os 60.000 euros, en función das solicitudes dos concellos, que se irá incrementando progresivamente en futuras anualidades, a medida que se vaian adherindo ao programa aqueles concellos que cumpran os requisitos e que o soliciten á área de Medio Rural da Deputación.
Para poder ser beneficiarios desta liña de axudas, os concellos terán que cumprir e acreditar documentalmente, entre outros, os seguintes requisitos:
a) Ter elaborado un plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, con arranxo ao previsto na lei de prevención de incendios de Galicia e na lexislación galega de montes, e telo integrado no plan de emerxencias municipal.
b) Ter adoptadas as medidas de prevención de incendios forestais que lles correspondan en terreos da súa titularidade.
c) Colaborar cos medios dispoñibles coa dirección técnica de extinción de incendios forestais.
d) Ter ordenada a execución das obras precisas para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións necesarias que eviten os incendios, e de forma mais concreta a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos que marca a lei de prevención de incendios.
e) Xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade.
O pasado martes 4 de Agosto de 2020 tivo lugar a presentación do programa O Que Non Arde, por parte da deputada nacionalista de Medio Rural, Mónica Freire, que contou co apadriñamento do cineasta Oliver Laxe, autor do premiado filme O que arde, e que presta xenerosamente a súa imaxe para apoiar esta iniciativa que pretende axudar a aqueles concellos que velan polo cumprimento da normativa en materia de ordenación territorial, plantacións forestais e prevención e extinción de lumes.
As solicitudes de colaboración presentaranse de forma telemática a través da sede electrónica: http://sede.deputacionlugo.org ou a través de calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas ata o día 31 deste mes de agosto de 2020.
Para mais información, podes dirixirte ao email mediorural@deputacionlugo.gal ou no teléfono 982260266.
Óliver Laxe acompaña a Deputada, Mónica Freire, na presentación do programa "O que non Arde". O cineasta apadriña esta iniciativa