Ilumin@

O Ilumin@ é un proxecto impulsado pola Deputación de Lugo que favorece a transición cara unha economía sostible de diferentes concellos da provincia. Faino a través da renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior. Está financiado a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).
O IDAE, que xestiona Fondos Europeos, actuou no marco do programa operativo FEDER para o crecemento sustentable 2014-2020, para abrir unha liña de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono.
A Deputación de Lugo, en representación dunha agrupación formada por 38 concellos da provincia que non superan os 20.000 habitantes, actuou aproveitando a súa experiencia neste tipo de Fondos e en virtude do disposto no artigo 5.b) do Real Decreto 616/2017, para poñer en marcha o Proxecto Ilumin@.
Dentro das distintas medidas posibles solicitouse a Renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior. Co obxectivo de reducir o gasto enerxético en, polo menos, un 30% mediante uso de lámpadas con tecnoloxía LED, obtendo unha clasificación enerxética A ou B.
 


Aforro enerxético

O IDAE notificou á Deputación de Lugo, con data 16 de xullo de 2019, a resolución favorable para o proxecto Ilumin@, pola cal a institución provincial obtivo a axuda solicitada na convocatoria regulada polo Real Decreto 616/2017 do 16 de xuño, que regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Dita convocatoria foi publicada no BOE do 17 de xuño de 2017.
Grazas ao proxecto Ilumin@, as entidades locais recibirán unha axuda económica para a renovación de instalacións de luz por tecnoloxía máis eficiente, o que suporá unha redución do consumo en 664.154,36 quilovatios ao ano, de xeito que, en termos económicos, o aforro conxunto nos 38 concellos superará os 95.763€ anuais, un 70,43% da facturación eléctrica. A iniciativa forma parte do obxectivo estratéxico da Deputación de Lugo de cooperar cos concellos para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía.
O importe total do proxecto ILUMIN@ é de 722.590,36  €, sendo o cofinanciamento do FEDER dun 80%  578.072,26 € asumindo a  Deputación de Lugo o restante 20% con fondos propios 144.518,10 €.


A Deputación distribúe os fondos nos 38 Concellos que se sumaron ao proxecto en base ao seguintes criterios obxectivos: superficie, poboación, dispersión e esforzo fiscal.

A continuación pode consultar os resultados do proxecto:

Resultados Proxecto Ilumin@